O CATECISMO DO LABREGO
PERSONAXES.
- Presentador
- Cura
- Xan
- Maruxa
- Rosiña
PRESENTADOR.-
Eu vouvos presentar esta obriña coas mesmas palabras do autor o Tío Marcos da Portela.
Como ides ver nesta adaptación da obriña titulada” O Catecismo do Labrego”, é unha representación que ten cheiro , sabor e color da nosa terra.
Os coitadiños paisanos galegos marchan levando sobre o lombo a pesada cruz das súas calamidades e desgracias.
Todos fan co infeliz Xan Paisano o oficio que fixeron os xudeos co noso Señor, e alá vai Xan e a súa familia caéndose a cada paso co peso da cruz.
Tódalas desgracias que lles suceden verédelas reflexadas no Catecismo.
Parece que está feito en broma, pro rindo,rindo... vanse dicindo as verdades, pois xusto é que xa que o único dereito que nos deixan é o do pataleo , fagámolo de boa forma.
En primeiro lugar, D. Xaquín, o señor abade, vaille dar un repaso ó que debe se-la declaración dos labregos, que como vedes, están a face-lo de sempre, labra-la terra.
Eu non vos digo máis, escoitade esta representación do Catecismo do Labrego , que logo vos habedes rir un pouco.
CURA.- (Entrando) ¡Home, Xan,! ¡Canto tempo sen verte! ¿Como andas?
XAN.- Andar...andar... pouco e darrastro.. ¡Estas costas... estanme matando en vida!
CURA.- ¡Non te queixes tanto home, que o exercicio é bo, e moi sano.
XAN.- (Ó público) ¡ Si,si,... por iso fai el tanto!
CURA.- ¿ Como dis?
XAN.- (Ó cura) Ben..., será bo,... se vostede o di...
CURA.- ¡Home Maruxa! ¿Como estás?, Non te vin o domingo na misa.
MARUXA.- (Ó público) ¡Diaño de cura! ¡Non se lle escapa unha! Parece que sempre anda a pasar lista dos que faltan.
CURA.- ¿ Como dis? ¿ Que tes estado mala da vista?
MARUXA.- (Ó cura) Non home non. Eu estou ben.
CURA.- Pois séntate aquí un pouco, que vos vou preguntar algo da doutrina galega, só por ver se se vos esqueceu.
MARUXA.- (Ó público) ¡Si home si, sentados vanse sacha-las patacas! ¡Se en vez de preguntar votara unha man ás herbas!
CURA.- A ver, Xan,... ¿Sodes labrego?
XAN.- ¡Si, pola miña desgracia!
CURA.- E... ese nome de labrego ... ¿De quen o recibiches?
XAN.- Recibino do sacho, que me fai callos nas mans, recibino da terra que rego coa suor da miña testa; recibino das mouras fames que paso, do aire que roxe nas miñas faldriqueiras porque están valeiras , e doutras “cativezas” entre as que vivo.
CURA.- Bueno.... bueno, non te queixes tanto... E... ¿ Que quere dicir ser labrego?
XAN.- Quere dicir: Home acabadiño de traballos, ser unha besta de carga, na que tanguen todos a rabiar, espantallo que leva as faldriqueiras nos pantalóns por fantasía, bicho que se arrastra como as cobras, que fura na terra como as toupeiras, que traballa moito e come pouco, que a semellanza dos burros dos arrieiros, levan viño e beben auga... e que vén ser considerado como un ninguén, por iso lle chaman Xan Paisano.
CURA.- E... ti Maruxa, ¿Que entendes por home de labranza?
MARUXA.- O home de labranza élle coma unha casta de boi posto de pé, unha máquina de sacar cartiños da terra.
CURA.- ¿ E.. cal é o sinal do labrego?
MARUXA.- A pobreza.
CURA.- E ... ¿Por que?
MARUXA.- Porque nela nacemos,vivimos e morremos.
CURA.- ¿De cantas maneiras usa o labrego deste sinal?
MARUXA.- De dúas.
CURA.- ¿Cales son?
MARUXA.- Aunar ó traspaso e andar á miñoca.
CURA.- ¿Que cousa é aunar ó traspaso?
MARUXA.- Élle unha cousa moi condenada, que fai devece-las carnes, abri-la boca, ronrona-las tripas e infla-lo estómago de aire.
CURA.- E ... ¿ Que cousa é andar á miñoca?
MARUXA.- Pois .. venlle a se-lo mesmo, andar á miñoca é deitarse con fame, sentir gañas de comer pan e beber viño , e non ter nin unha nin outra.
CURA.- Mostrade como.
MARUXA.- Mire señor abade,... meto por equivoco as mans nas faldriqueiras e soamente encontro aire...collo o saco de gran para ir ó muíño, e non collo máis que saco, porque está baleiro. Vou á casa dos que teñen a pedir un peso prestado e se non me dan coa porta nos fociños , despáchanme con palabras moi bonitas, pero sen o diñeiro que lles pido.
CURA.- ¿ E.. por que metedes as mans nas faldriqueiras?
MARUXA.- ¡Bo... ! Pois por non perde-lo costume que herdamos dos nosos pais.
CURA.- ¿ Por que as levades á boca?
MARUXA.- Pois para enganarnos pensando que son pan, para ver se deste xeito enganamos o estómago.
CURA.- A ver ... Xan, e ... ¿Cales son os vosos inimigos?
XAN.- ¡Ai señor cura! ¡Cóntanse por centos!
CURA.- ¿E que inimigos son eses?
XAN.- A maiores do mundo o demo e a carne como teñen tódalas persoas, nós temos un fato deles: a miseria na casa, o veciño de porta con porta, os pedriscos nos eidos, e moitos máis que lle podería nomear.
CURA.- ¿ E... traballando arreo podedes solucionalos?
XAN.- Non padre , nin con esta.( Fai coa uña)
CURA.- ¿ E por que non?
XAN.- Porque non hai cartos que lles cheguen nin o traballo rende para telos contentos.
CURA.- Xa vimos como sodes labregos, como estades acabadiños pola fame que pasades..., pero decídeme agora: ¿ Cantas cousas está obrigado a saber e entender o labrego cando chega a ter uso de razón?
XAN.- Catro cousas.
CURA.- ¿Cales son?
XAN.- A primeira: sabe-lo que deixa de comer.
A segunda : sabe-lo que ten que traballar.
A terceira: esquecerse do que ten que pagar.
E a cuarta: Non acordarse do que ten que recibir.
CURA.- Imos alá coa primeira: ¿Como saberá o que deixa de comer?
XAN.- Acordándose das paparotas dos outros...,botándolle olladas degorantes ós escaparates onde se vende xamón,salchichóns, polos asados,doces ... e outros manxares e non poder botarlle a man...
CURA.- ¿Como saberá o que ten que traballar?.
XAN.- Moito, vendo que hai que manterse, que o presuposto de gastos é un pozo sen fondo, que o presuposto de ingresos é como unha cesta furada, que sen cartos non se pode dar un paso neste mundo, que nin xiquera é un xente, e que sempre temos que solta-los cartiños dunha maneira ou doutra.
CURA.- Imos coa terceira: ¿Cómo poderá esquecerse do que tedes que pagar?
XAN.- pois verá, señor cura, iso só se pode facer das seguintes maneiras: Póndose bébedo, volvéndose tolo ou meténdose cen metros debaixo da terra.
CURA.- ¿como non se terá que coidar do que ten que recibir?
XAN.- Esta si que é fácil. Pois nin pasándoselle pola cabeza que ha recibir cousa que sexa de proveito nin que valía diñeiro, porque os labregos ... de recibiren nada, como non sexan patadas e labazadas.
CURA.- Vexo que hoxe non tedes un bo día. Paciencia... Mira que vén por alí , ¿Non é a vosa filla Rosiña?... ¡Está feita unha moza!
MARUXA.- Si ... ¡O traballo espabila á xente!
ROSIÑA.- Bos días, padre, parece que está a entrete-los meus pais, Bueno tamén lles cómpre un folgo.
CURA.- Bos días Rosiña, ¡Cómo medraches! ¡ Parece que foi onte cando te bauticei! E... por certo, ¿como andas no Catecismo?
ROSIÑA.- Ben, ben, pregunte.
CURA.- Pois comezaremos polo Credo. A ver... a ver....¿ Quen dixo o Credo?
ROSIÑA.- Os Apóstolos.
CURA.- ¿E para que?
ROSIÑA..- Para que andemos con el na boca.
CURA.- ¿E ti para que o dis?
ROSIÑA.- Para que Deus me teña da súa man, que boa falta me fai.
XAN.- Ben padre, nós deixámolo coa nena, que aínda temos que cavar outra leira.
MARUXA.- Ata logo señor cura
CURA.- Ata logo, ide con Deus. E nós seguimos logo, Rosiña. A ver... ¿Que cousa é fe?
ROSIÑA.- Crer o que non vimos.
CURA.- E.. ¿Víche-las moedas de dous euros?
ROSIÑA.- Non, padre.
CURA.- ¿ E os billetes de banco de 500 euros?
ROSIÑA.- Aínda menos , padre.
CURA.- E...¿ Ti cres neles?
ROSIÑA.- O que é crer, creo...
CURA.- E ¿ Por que o cres se non os viches?
ROSIÑA.- Porque oín falar deles na televisión e porque sabemos que os nosos cartiños vanse xuntando pouco a pouco para se converter en billetes nas casas dos ricos.
CURA.- ¿Que cousas son as que credes como labregos?.
ROSIÑA.- Eu e máis meus pais cremos nos artículos, sobretodo segundo se conteñen no credo.
CURA.- ¿E... para que son os artículos?
ROSIÑA.- Para dar noticia dos deuses da nosa aldea.
CURA.- ¿ Que é para ti o inferno?
ROSIÑA.- Pois é a aldea na que viven os labregos.
CURA.- Pois logo ... ¿Cantos infernos hai?
ROSIÑA.- Hai o inferno dos que pagan os impostos e non teñen pan para levarse á boca e o limbo dos nenos onde se fai a aprendizaxe para ser labregos : esfarrapados, con moitísima fame gardando o gando no monte, xuntando na leña e sen ver nin xiquera unha letra na cartilla...
CURA.- ¿Ademais do que levas dito , ti cres noutras cousas?
ROSIÑA.- Si padre, porque todo o que levo dito é pouco.
CURA.- ¿Que cousas son esas?
ROSIÑA.- Iso non mo pregunte a min , que non poderei contestalo, porque aínda son moi nova.
CURA.- fas ben en calar ,Rosiña, porque en boca cerrada non entran moscas e ó bo calar, chámanlle labrego. (Entran Xan e María)
XAN.- Pero...¿ Aínda seguides aquí? ¡Non lle me faga tantas preguntas á nena, pregúnteme a min!
CURA.- ¡Vaia home... ti voluntario para algo...seguro que cavaches pouco, e llo deixaches todo para Maruxa.
XAN.-¡ Mira este , .. como cavou el tanto...!
CURA.- Moi ben Xan, xa vimos que sabede-lo que hai que crer. Vexamos agora se sabede-lo que hai que pedir. Das oracións que rezades. ¿Cal vos gusta máis?
XAN.- O Padre Noso.
CURA.- ¿Por que?
XAN.- Porque ten sete peticións, que son poucas para nós, pois temos moito que pedir.
CURA.- ¿ Cales son?
XAN.- A primeira é : Santificado sexa o teu nome.
CURA.- E ... ¿ Que pedides con esa petición?
XAN.-Que lauden a Deus , coma nós, aqueles que só se acordan del cando lle cómpre, e pásanse a vida facéndonos rabear.
CURA.- ¿Cal é a segunda?
XAN.- Veña a nós o teu reino.
CURA.- ¿Quen lle pide iso?.
XAN.- Aqueles que pensan que tódalas cousas do mundo se fixeron para eles, e errapañan co seu e co dos veciños.
CURA.- ¿E vós pedide-lo mesmo?
XAN.- Nós pedimo-lo reino de Deus, porque o deste mundo anda moi lonxe das nosas oracións.
CURA.- ¿Cal é a terceira petición?
XAN.- fágase a túa vontade na terra como no ceo.
CURA.- ¿Que pedides con esta?
XAN.- Pedimos que Deus veña gobernar este cotarro, que anda levado do demo.
CURA.- ¿ E a cuarta petición cal é?
XAN.- O pan noso de cada día dánolo hoxe.
CURA.- ¿ Que pedides aquí?
XAN.- ¡ E vostede non o ve , santiño! Pedímoslle pan para levar á boca, que para nós anda polas nubes. Pedimos algo de comer, xa que traballamos coma burros, e non é moito pedi-lo pan, porque o compango só é para os que poden.
CURA.- ¿Que se pide na quinta?
XAN.- Perdoa as nosas débedas así como nós perdoamos ós nosos deudores.
CURA.- ¿Que pedides con esta?
XAN.- Pois que nos perdoen os que lles debemos uns cartiños, porque os nosos deudores ben perdoados están, porque ninguén nos debe nin un centavo.
CURA.- ¿Cal é a sexta?.
XAN.- Non nos deixes caer na tentación.
CURA.- ¿E... que pedides con non caer na tentación?
XAN.- Pedimos que Deus nos teña da súa man, porque tan amoladiños andamos que se nos deixamos levar polo xenio e.... caímos nunha mala tentación..... non queda cousa con cousa.
CURA.- ¿E ...cal é a sétima e derradeira?
XAN.- Mais líbranos de mal.
CURA.- ¿De que mal vos pode librar?
XAN.- Pois que nos quite Deus de entre esta xentiña , que non fai nada polo noso ben.
CURA.- Oe ti Maruxa, ¿ E ... para que son os ánxeles?
MARUXA.- Son para gardarnos, señor cura.
CURA.- E Logo os labregos tedes ánxeles que vos garden?
MARUXA.- Si padre, pero ás veces parece que dormen, a xulgar polo desamparo no que nos teñen.
CURA.- ¡Durmirán, muller , durmirán.... Ben, vouvos deixar para que poidades seguir a traballar. Ata logo.
MARUXA E XAN.- Si , señor cura,si, o noso é traballar e traballar...


.jpg)


No hay comentarios:
Publicar un comentario